A Consellería do Mar acaba de facer público o borrador da orde para a reinstalación dos bivalvos contaminados provintes de zonas C noutros lugares da costa. Segundo alerta Adega, as dúas ubicacións propostas, a ría de Ferrol e a enseada de Aldán, forman parte da Rede Natura 2000 debido á excepcionalidade e riqueza do seu medio mariño. “¿Non sería millor que a Xunta tomara en serio o saneamento das rías en troques de andar mareando o marisco tóxico?”, pregúntase o colectivo.Adega lembra que, segundo a información da propia Consellería do Mar, trataríase de depurar preto de 450 toneladas de moluscos ao ano procedentes das zonas C, que polas altas concentracións de toxinas de bacterias e microrganismos fecais non poden ser comercializadas directamente.
Nun primeiro momento falouse da costa lucense como receptora dese marisco pero Adega insiste en que a Xunta mudou de parecer atentendo ás “reclamacións” de Pescanova pola presunta afección do marisco contaminado á súa planta de rodaballo en Xove. As novas zonas elixidas –unha na ría de Ferrol e outra na de Aldán- pertencen a áreas protexidas da Costa Ártabra, Costa da Vela, Cabo Udra e Parque Nacional das Illas Atlánticas, polo que Adega conclúe que “a selección destas novas ubicacións, en plena Rede Natura 2000, pon en evidencia o desinterese que a Xunta amosa na protección dos recursos naturais e o desprezo e descoñecemento dos responsábeis das áreas protexidas e da biodiversidade mariña”.
A Consellería do Mar, pola súa banda, advirte de que todas as zonas contempladas para a reinstalación do marisco procedente de zonas C son "zonas autorizadas para o cultivo de moluscos e peixes". Mar engade que, antes de decantarse, realizou "exhaustivas probas" que determinaron a idoneidade das dúas ubicacións elixidas.