A Consellería de Cultura e Turismo contará cun orzamento consolidado para o exercicio 2012 que acadará os 153,6 millóns de euros, dos cales 130 corresponden á Consellería de Cultura e Turismo e 15,1, á Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). No tocante ás entidades dependentes da consellería, á Fundación Cidade da Cultura de Galicia correspóndenlle 22,8 millóns; á S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, 16,8 millóns; a Turgalicia, un total de 19,7; a Fundación Illa de San Simón contará cun total de 345.000 euros en 2012, e o Instituto de Estudos Turísticos, 597.000 euros. A todo isto súmanse os mandatos de actuación en materia de Cultura e Turismo a executar a través da Sociedade Pública de Investimentos, que terán un importe total de 5,7 millóns de euros en 2012.O conselleiro Roberto Varela, salienta que estes orzamentos tentan “adecuarse á difícil realidade que estamos a vivir, priorizando actuacións e determinando os recursos precisos para a posta en marcha dun plan de acción responsable, realista, austero e xerador de sinerxías que permita o correcto desenvolvemento da cultura e do turismo na nosa comunidade”. O conselleiro subliñou que estes orzamentos “están pensados para o beneficio dos nosos creadores, dos nosos profesionais e dos nosos cidadáns”.