Ir al contenido principal
Visitas guiadas ao Museo de Galicia, na Cidade da Cultura
A Cidade da Cultura de Galicia porá en marcha o 2 de novembro o programa de visitas guiadas ao edificio rematado do Museo de Galicia, co obxectivo de dar a coñecer ao público esta nova infraestrutura arquitectónica. A espectacularidade da súa fachada, os case 43 metros de altura e os seus máis de 16.000 m2 de superficie, entre outras características, fan do edificio deseñado por Peter Eisenman “unha referencia arquitectónica do século XXI e unha obra de arte en si mesmo”, sinala a Xunta.
O Museo acollerá nun futuro exposicións temporais “de fondo calado” que pola súa envergadura non poderían exhibirse noutros centros culturais galegos. A súa primeira exposición inaugurarase na primavera de 2012. Será “Gallaecia Petrea”, e será unha das mostras máis ambiciosas organizadas en Galicia.
As visitas, que serán de balde, terán lugar todos os días (excepto os luns) ás 12,00 e 18,00 horas e será necesario reservar praza en www.cidadedacultura.org. Cada grupo será dun máximo de vinte persoas.