Vilagarcía fideliza o seu turismo

A temporada turística de verán saldouse en Vilagarcía de Arousa co cómputo total de 12.369 consultas atendidas nas Oficinas Municipais de Información das que dispón o Concello. As enquisas realizadas polo persoal das oficinas apuntan dous datos positivos: a suba das pernoctacións na cidade e o elevado grao de fidelización entre as persoas que repiten a súa visita e estancia en Vilagarcía como destino turístico e vacacional.

Unha das principais conclusións do balance do verán é a excelente acollida que segue a ter a Ruta dos Pazos, na que participaron 231 turistas, cubríndose a totalidade das prazas en todas as visitas. Outro dos puntos de interese turístico do municipio con contido expositivo é o Museo do Ferrocarril, que durante os catro meses de verán foi visitado por 777 persoas.

O Concello tamén sinala como aspecto positivo que durante a temporada estival deste ano aloxáronse no municipio 324 turistas máis que no mesmo periodo de 2010.