A Consellería de Cultura e Turismo, a través de Turgalicia, vén de editar o folleto turístico “A ruta da camelia”, ao obxecto de promocionar os xardíns galegos como atractivo turístico da Comunidade. Na publicación, editada en galego, castelán e inglés, inclúense doce contornas distintas nas que o visitante poderá gozar dos mellores espazos de Galicia onde apreciar a xardinería, sobre todo a relacionada coa camelia.Os xardíns incluídos ubícanse en A Coruña, Santiago, Santa Cruz de Ribadulla, A Estrada, Padrón, Vilagarcía de Arousa, Soutomaior ou Vigo, entre outros. A publicación, cunha tiraxe de 20.000 exemplares, poderase atopar nas oficinas de Turismo da Xunta e formará parte do material que a Xunta levará a diferentes feiras e eventos especializados.