O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asistiu á homenaxe da Federación de Asociacións Veciñais Boa Vila de Pontevedra ao empresario Magín Alfredo Froiz, propietario e fundador do Grupo Froiz, que recibiu o galardón “Agasallo dos Veciños”. Na súa intervención, o conselleiro felicitou a Magín Alfredo Froiz polo premio, “froito do cariño dos seus veciños e empregados e dunha vida enteira dedicada a un proxecto que hoxe nos fai sentir orgullosos a todos os galegos”. Roberto Varela subliñou que “grazas ao esforzo de Magín Alfredo Froiz durante corenta anos o pequeno negocio de finais dos anos 60 converteuse nun dos referentes do sector da alimentación na Península Ibérica”.Neste sentido, lembrou que o Grupo Froiz “xera riqueza e emprego nas catro provincias galegas, no norte de Portugal e en media España” e que, ademais, “inviste parte dos seus beneficios en axudar ao avance da nosa sociedade” a través de patrocinios deportivos ou na colaboración con eventos culturais”. O conselleiro aproveitou para lembrar “o apoio que esta empresa prestou á celebración do Xacobeo 2010”.
Este ano, a federación de veciños quixo destacar a vida e o traballo desempeñado por Magín Alfredo Froiz desde os inicios nas súas primeiras carnicerías nos anos 60, pasando polo seu traballo no primeiro supermercado aberto en Pontevedra e ata a creación do Grupo Froiz, que hoxe dá emprego a máis de 4.000 persoas.