A conselleira do Mar, Rosa Quintana, expresou a súa satisfacción pola decisión adoptada pola Unión Europea de reducir, en determinadas zonas de Galicia, a talla mínima legal da ameixa babosa en 3 milímetros, pasando así de 38 a 35mm. Esta autorización excepcional concédese grazas ás xestións desenvolvidas pola Consellería ante a Unión Europea e aplicarase nas zonas de Galicia onde esta especie presenta problemas de crecemento, como son Ferrol, Vigo e Arousa.A propia conselleira desprazouse ata Bruxelas o pasado mes de setembro para solicitar esta rebaixa á directora da DG Mare, Lowri Evans. Quintana presentoulle un informe científico no que se demostraba que as condicións mediaombientais afectan ao crecemento desta especie e que a ameixa adquire a madurez sexual necesaria para poder reproducirse a unha talla substancialmente inferior aos 35 mm.