A Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, presentará entre os días 19 e 21 de outubro a oferta turística galega na feira da Asociación Brasileira de Operadores Turísticos (ABAV). Este ano, Turgalicia ocupará dous módulos no expositor xeral de Turespaña para difundir os recursos e produtos turísticos de Galicia en xeral, e a oferta do Camiño de Santiago en particular.
Este certame, para o que Turgalicia xa reservou encontros cos representantes dos operadores máis importantes de Brasil, é de carácter exclusivamente profesional e celébrase no marco do Congreso Anual da Asociación Brasileira de Axencias de Viaxes. Esta feira está posicionada como un dos focos de comercialización máis importantes no sector turístico iberoamericano.

Por outra parte, Turgalicia participará un ano máis no Salón Náutico de Barcelona para promocionar os recursos turísticos da náutica da comunidade galega cun expositor de deseño de 60 metros cadrados. Esta feira, que se desenvolverá entre os días 5 e 13 de novembro, servirá tamén para difundir os recursos e os produtos turísticos da comunidade galega no ámbito xeral.
Durante o mes de novembro, a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia participará na feira World Travel Market, de Londres, que terá lugar no recinto Excel London entre os días 7 e 10. Trátase dun dos certames de carácter profesional máis importantes de Europa no que Turgalicia estará presente con dous módulos situados no expositor de Turespaña, que á súa vez estará coordinado pola OET de Londres.
Entre os días 24 e 27 de novembro, a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia participará na feira dedicada especialmente ao Turismo interior INTUR, de Valladolid. Esta será a 15ª edición deste salón profesional e tamén aberto ao público xeral. A proximidade de Valladolid fai que a presenza neste certame sexa de interese especial para fidelizar o mercado da Comunidade de Castela e León