A campaña de publicidade desenvolvida pola Consellería de Cultura e Turismo en decembro de 2010 para difundir a marca do turismo galego, “Galicia, gárdasme o segredo?”, vén de ser galardoada co XVIII Premio de publicidade en galego na modalidade de radio que outorga o Consello Asesor da CRTVG e RTVE, co obxecto de recoñecer os traballos publicitarios realizados en lingua galega o pasado ano.Esta campaña de Turgalicia desenvolveuse entre os días 9 e 31 de decembro, tanto no ámbito galego como no nacional, a través das principais canles de televisión, emisoras de radio, xornais e portais de internet. Neste periodo, emitíronse máis de 1.500 pases dos spots da campaña, 450 cuñas e publicáronse 60 anuncios na prensa galega. A campaña foi vista por máis do 85 por cento da poboación española, e os seus spots víronse unha media de seis veces por persoa, segundo precisa a Xunta.
Os Premios de Publicidade en Galego naceron en 1993 e foron creados polo Consello Asesor da CRTVG e RTVE co obxectivo de promocionar a realización de anuncios en lingua galega.