O Parlamento apoia a IXP para o chourizo e xamón galegos

O Parlamento aprobou unha iniciativa do PPdeG na que insta á Xunta a iniciar de xeito inmediato, en non máis de dous meses, cantos trámites sexan necesarios para acadar da Comisión Europea a Indicación Xeográfica Protexida para o Chourizo e o Xamón Galego. Así mesmo insta ao Goberno do Estado a que se realicen os trámites oportunos ante a Unión Europea a fin de lograr a máxima celeridade no tratamento das solicitudes, evitando así longas demoras na resposta.

Segundo a deputada popular Emma Alvarez Chao, a finalidade de acadar unha denominación de calidade para estes alimentos vai encamiñada a “protexer, promocionar, fomentar e garantir a calidade excepcional diferenciada destes produtos tan significativos da nosa gastronomía”. Ademais, engadiu, “trátase incrementar as rendas dos agricultores e favorecer o desenvolvemento rural e facilitar a reestruturación e organización dos sectores produtivo e industrial”.

Lembra a deputada que “na actualidade, coa denominación de ‘Lacón Galego’ tan só se está a comercializar entre o 10 e o 12% do despece”. Por iso se demanda, segundo Alvarez Chao, a identificación doutros aproveitamentos do animal “como a Androlla e o Butelo que xa iniciaron a súa andaina á espera de recibir a citada identificación por parte da UE”.