O CSHG inicia un novo curso cara a súa definitiva internacionalización

A sede da Barcia acolleu esta mañá a apertura oficial do curso escolar 2011-2012 do Centro Superior de Hostelería de Galicia, nun acto dirixido a alumnos e profesores que foi presidido pola secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo. Na súa intervención, a secretaria xeral destacou que este ano, con 400 alumnos matriculados e récord de inscritos nas titulacións de Diploma de Xestión de Empresas Hosteleiras e no Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña, será o da “verdadeira e definitiva internacionalización” do centro.

Neste eido, a secretaria xeral destacou que en 2011 “temos un acontecemento moi importante que celebrar e sobre todo, unha responsabilidade moi grande que compartir con todos vós”, xa que o CSHG inicia este ano os seus Programas Internacionais cun Título Europeo en Dirección Hoteleira Internacional. Este título, que se imparte grazas ao acordo “Tres anos, tres países, tres linguas e tres culturas”, en colaboración coa Universidade de Brighton e L’École de Savignac supón, segundo Carmen Pardo, “unha ocasión única de recibir unha formación para ser líderes na industria hoteleira”.

Integrado na Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, e vinculado á Universidade de Santiago de Compostela, o Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) iniciou o seu labor docente en 1994 co obxectivo de satisfacer unha demanda do sector turístico e da hostelería de Galicia. Na actualidade conta con 400 alumnos, futuros directivos hostaleiros e máis de 1.700 antigos alumnos que traballan en establecementos de Galicia e España, ademais doutros 60 países.