A Consellería do Medio Rural programou para o vindeiro 3 de novembro unha xornada de promoción e posta en valor, desde o punto de vista gastronómico, dos produtos derivados das razas autóctonas en perigo de extinción, entre elas, as bovinas Cachena, Caldelá ou Vianesa, o Porco Celta, a Ovella Galega (foto) ou a Galiña de Mos. O evento desenvolverase nas instalacións da Feira Internacional de Galicia, en Silleda, e ten unha orientación exclusivamente profesional e técnica, cun aforo limitado a persoas vencelladas cos sectores da hostalería, carnicería, venta delicatessen, consumo, turismo e prensa especializada.Nesta xornada farase unha presentación das razas galegas en risco de desaparición, na cal un técnico da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) exporá as calidades e as características das mesmas, centrándose no seu atractivo gastronómico. Así mesmo, contará con varias mesas técnicas centradas tanto nestes animais coma nos alimentos derivados dos mesmos. Tamén haberá degustación de pratos elaborados con estes produtos.