Galicia lidera a aposta acuícola

Galicia poderá ser a primeira rexión costeira europea en contar cunha estratexia plurianual para a acuicultura antes de 2014, tarefa imposta aos Estados Membros na nova proposta da Política Común de Pesca. O director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, explicou esta tarde no Parlamento que Galicia “porá o primeiro chanzo ao remate deste mes ou a comezos de novembro coa aprobación da Estratexia Galega de Acuicultura”.

Segundo lembrou Maneiro, a Estratexia Galega de Acuicultura é o documento de planificación e organización que rexerá a xestión da acuicultura ata o 2030 co obxectivo de relanzar esta actividade, xerando emprego e riqueza dunha forma equilibrada co respecto ambiental. Outro dos elementos cos que conta a Xunta e que explicou o director xeral, é a declaración de interese de primeira orde da acuicultura, aprobada polo Consello da Xunta en maio deste ano, co obxectivo de “acadar un futuro claro para o desenvolvemento dunha acuicultura sostible en termos ambientais, sociais e económicos”.