Galicia contará cunha estratexia especifica para o sector da acuicultura

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, anunciou no Parlamento que Galicia contará antes de que finalice o ano cunha estratexia que rexerá a planificación e xestión da acuicultura ata o 2030. Esta ferramenta busca, segundo sinalou a conselleira, “relanzar a acuicultura” de xeito que sexa unha actividade “dinámica en termos de innovación, xeradora de riqueza e emprego e sostible no ambiental”.

Segundo indicou a titular de Mar, será a folla de ruta para manter a coordinación e coherencia de cada unha das actuacións a adoptar neste ámbito. Este documento integrará medidas en todos os ámbitos vinculados co impulso da acuicultura como a I+D+i, a formación, a comercialización, o financiamento e a adecuación aos ámbitos normativos.

“Fronte ao pasado de parálise e inacción, queremos un futuro claro e libre para o desenvolvemento dunha acuicultura sostible en termos ambientais, sociais e económicos e ímolo a seguir amosando de xeito claro de aquí a final de ano, onde se concretará o traballo feito nestes meses”, sinalou a conselleira.