De San Froilán ao Marisco do Grove

Esta fin de semana son dúas as citas festivas por excelencia en Galicia e ambas teñen un marcado carácter gastronómico. En Lugo segue a celebrarase o San Froilán onde os pulpeiros cobran todo o protagonismo. O sábado é o Día de Ferrol e no apartado musical destacan as actuacións de Los Diablos e Deolinda. Ao día seguinte celébrase o Domingo das Mozas, e a cidade encherase de milleiros de visitantes. O programa festivo terá como puntos principais a ofrenda floral a Rosalía, ás 13.00 horas, e os concertos de Treixadura e Lamatumbá.

A outra gran cita é a Festa do Marisco de O Grove, que tamén se prolongará ata o mércores. O sábado, dentro do mesmo programa festivo, terá lugar a trixésimo terceira edición da Festa do Mexillón Amegrove, co tradicional concurso de receitas elaboradas co bivalvo. Pola noite, haberá queimada para todos. O domingo entregaranse os premios do concurso.

Tamén gastronómicas son outras dúas citas que propomos. Por un lado, en Ferreira do Valadouro celébrase a XXIV edición da Feira do Mel na que se poderán degustar, ademais de mel e derivados, filloas e pan de Cea. E en Santo Tomé de Piñeiro (Marín) chega unha nova edición da Festa da Mazá e a Sidra, que terá no actor Miro Magariños o seu pregoeiro.

Xa de carácter relixioso, outras dúas citas para a fin de semana: o San Lucas de A Pontenova e as Festas do Rosario da Coruña.