Carmen Pardo louba a contribución do termalismo ao turismo galego

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, destacou a “importantísima contribución” do sector balneario ao turismo de Galicia, xa que, subliñou, “contribuíu a mellorar a nosa oferta turística e a facela única”. Carmen Pardo fixo estas declaracións durante a inauguración do simposio ‘Historias Comparativas de Balnearios desde o século XVIII ata o XX: unha perspectiva internacional’, que se celebrará ata o venres en Santiago.

Na súa intervención, Carmen Pardo fixo fincapé en que “Galicia ten un potencial innegable no ámbito do termalismo”, xa que é a comunidade autónoma “coa mellor e máis variada oferta no sector. Deste xeito, lembrou que Galicia representa case o 20% do conxunto das instalacións termais existentes en toda España. A secretaria xeral para o Turismo asegurou, ademais, que “a nosa inmensa riqueza termal é un dos nosos segredos e unha das industrias con máis futuro en Galicia”.

Precisamente, Carmen Pardo marcou como obxectivo do sector “liderar a actividade termal en España e converter a Galicia nun destino termal de excelencia a través da cooperación e da innovación”.