A Consellería do Mar organizou unha xornada técnica dirixida aos responsables de cociña e aos cociñeiros dos centros adscritos á campaña O sabor da aventura está no mar para poñer en común experiencias e propoñer alternativas para mellorar a achega de produtos do mar galegos á alimentación infantil e xuvenil no eido escolar. O encontro, celebrado no CIFP Compostela de Lamas de Abade, foi inaugurado polo director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro e polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal.
No encontro houbo unha sesión práctica de cociña sobre o emprego dos produtos do mar nos menús, para que os participantes coñecesen novas modalidades de como cociñar a base de produtos frescos da pesca e da acuicultura. A día de hoxe, a Consellería distribuíu entre os escolares dos centros públicos máis de 162.000 racións preparadas a base de produtos do mar de Galicia.