Arrancou Conxemar

Xa arrancou en Vigo unha nova edición de Conxemar, un evento agardado polo sector do mar pero tamén polos hoteis da cidade olívica. Na inauguración, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou a puxanza do sector conxelador galego nun contexto de crise. Nese sentido, amosouse confiada en que será un sector competitivo “cun futuro viable, sostible e dinámico”.

A conselleira recalcou que “é unha época de profundos cambios en estruturas comerciais con especial afección sobre a evolución da configuración dos mercados e da demanda”. Ademais amosou o apoio da Xunta a este sector “xa que seguimos apostando pola comercialización e transformación para o futuro da pesca”.

A Consellería do Mar aposta por esta feira que considera un “referente” no ámbito expositivo e comercial alimentario europeo e mundial e que leva o selo galego. Así, está presente nesta XIII edición de Conxemar cun stand de 150 metros cadrados onde se ofrecen degustacións con receitas elaboradas con produtos pesqueiros, para promocionar o peixe e marisco de Galicia.