Arranca o curso no Centro Superior de Hostelería de Galicia

O curso 2011-2012 do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) bota a andar o vindeiro luns, 10 de outubro, con 400 alumnos matriculados nalgunha das titulacións que imparte o centro, dependente de Turgalicia, e con listas de espera nas especialidades de Xestión de Empresas Hostaleiras e Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña.


O Centro Superior caracterízase por ofrecer unha formación de calidade en contacto coa realidade do sector, que lle reporta o recoñecemento dos empresarios dentro e fóra da comunidade galega. Un dos sinais de identidade son as prácticas tuteladas en empresas stage prácticos que se realizan cada ano en empresas tanto de España como do resto de países de Europa, África e América, e que son unha materia do Plan de Estudos.


Integrado na Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, TURGALICIA, S.A. e vinculado á Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) iniciou o seu labor docente en 1994 co obxectivo de satisfacer unha demanda do sector turístico e da hostelería de Galicia. Na actualidade conta con 400 alumnos, futuros directivos hostaleiros e máis de 1.700 antigos alumnos que traballan en establecementos de Galicia e España, ademais doutros 60 países.