Aos visóns gústalle o salmón

A empresa concesionaria dunha gaiola experimental para o cultivo do salmón na Ría de Muros-Noia, “North West Food”, vén de trasladar á Consellería do Mar o informe que lle foi requirido logo da denuncia realizada por varias confrarías ante os medios de comunicación da aparición de exemplares de salmón mortos pola ría. O informe documenta que os salmóns que morren son trasladados a unha granxa de visóns de Rois (A Coruña) para alimento dos animais.

No documento solicitado pola consellería asegúrase non ter constatado ningunha fuga da gaiola e inciden en que os exemplares mortos, “xa sexan flotantes ou afundidos son depositados en contedores adecuados para a súa conservación ata que son enviados á granxa de visóns”. O informe recolle, ademais, que “a zona de acopio na que se atopan os contedores está situada nunha nave no peirao do Freixo ao que calquera persoa pode acceder”.