Viana do Castelo acolle un encontro sobre enoturismo

O país veciño tamén aposta polo enoturismo como actividade que pode contribuír a relanzar a súa economía. Baixo este contexto, este venres e sábado celébrase en Viana do Castelo o Encontro Nacional de Enoturismo, no que se darán cita numerosos expertos do mundo do viño, ademais de diversas autoridades turísticas do país. Durante as dúas xornadas celebraranse diferentes mesas redondas e ponencias que tratarán temas como a comunicación e o marketing aplicados ao sector, a necesaria promoción do territorio, etc. Entre os ponentes atópase a galega Susana Couso Fernández, que exporá o exemplo da Ruta do Viño do Ribeiro e o Clube de Produto Rutas del Viño de España. O programa tamén inclúe unha serie de visitas guiadas.

Pero se precisan outro motivo para achegarse estes días ao veciño Portugal, a localidade de Valença do Minho celebra este venres unha Viaxe Medieval á Fortaleza, que inclúe un percorrido nocturno polo entorno. Figurantes vestidos de época e a actuación do grupo Vox Angelis prometen unha viaxe única no tempo. A cita é ás 21.30 horas deste venres, no edificio da antiga Alfandega.