Turgalicia fomenta o sendeirismo

Turgalicia vén de lanzar un proxecto pioneiro de sendeirismo empregando a tecnoloxía dos teléfonos móbiles intelixentes (smart phones). Esta nova ferramenta está sendo aproveitada para poñer a disposición do público información de alta calidade sobre as rutas homologadas como sendeiros de pequeno ou gran percorrido de Galicia.

A nosa Comunidade conta actualmente cun total de 62 sendeiros homologados. Toda a información está dispoñible na páxina www.turgalicia.es e en folletos editados en inglés, castelán e galego. Ademais, tamén estarán colgadas nas páxinas web especializadas nesta materia, que conforman novas redes sociais de intercambio de información pormenorizada sobre sendeiros en todo o mundo. É precisamente a través destas páxinas (www.wikiloc.com, www.everytrail.com, www.ikimap.com) como é posible consultar, visualizar e descargarse a información xeorreferenciada das rutas galegas.

Con esta iniciativa, Turgalicia quere promover e potenciar a actividade do sendeirismo como unha maneira de achegarse aos nosos espazos naturais, ao noso patrimonio etnográfico ou monumental, como un complemento ao desenvolvemento do turismo sostible na nosa Comunidade, empregando as novas tecnoloxías e as múltiples aplicacións e utilidades que estas nos permiten.