Samuel Juarez califica o proxecto de Pazo Baión de senlleiro no enoturismo

O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, visitou hoxe o Pazo de Baión, situado no municipio pontevedrés de Vilanova de Arousa, para coñecer in situ os traballos da vendima nesta finca, propiedade das adegas Condes de Albarei, integrada na denominación de orixe Rías Baixas.

O titular de Medio Rural destacou ademais o fomento do enoturismo, do que Pazo Baión é unha mostra senlleira, mediante a posta en marcha de diferentes rutas do viño nas denominacións de orixe da Comunidade Autónoma, no ámbito da cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal.


A partires da adquisición do Pazo de Baión por parte de Condes de Albarei, esta empresa desenvolveu un proxecto vitivinícola, enoturístico e social nesta emblemática leira, de máis de 30 hectáreas de superficie, que posúe o maior viñedo da subzona do Salnés (22 ha), dentro da D.O. Rías Baixas. Na colleita de 2010 comercializou un total de 80.000 botellas do albariño Pazo Baión. O recinto do Pazo converteuse nun centro de enoturismo dentro dun proxecto que se completa con programas sociais de loita contra a droga e de reinserción socio-laboral de ex-toxicómanos.