A Pousada de Meaño disporá de 24 cuartos

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, asistiron á colocación da primeira pedra da que será a Pousada de Meaño, concello natal do responsable de Cultura e Turismo. O edificio, no que se investirán case 2,2 millóns de euros, terá unha superficie construída de 2.146 metros e 24 habitacións, das que 21 serán duplas e tres serán suites.

No proxecto da Pousada de Meaño destaca o volume central, de madeira, en forma de tonel de viño. O resto fragméntase en varios volumes organizados en bancais conectados entre si. Estará adaptado á topografía da parcela para que o volume non sobresaia e minimice o impacto visual.

O conselleiro dixo sentirse “moi orgulloso do proxecto Pousadas e de maneira especial desta de Cobas”. Roberto Varela destacou a importancia “non só de conservar, senón de crear novo patrimonio”. O arquitecto da obra, Mario Crecente, explicou que o edificio estará totalmente integrado co contorno “aproveitando as espectaculares vistas ao mar, illado da estrada e incluíndo elementos patrimoniais referentes ao viño como son os bocois e as parras”. O prazo estimado de remate da construción é de un ano. Rafael Louzán anunciou que será unha empresa privada quen se encargue da xestión por medio dunha licitación pública.