A oposición pide a devolución da Lei de Turismo mentres o PPdeG defende que favorecerá a recuperación económica de Galicia

O proxecto de Lei de Turismo de Galicia iniciou a súa tramitación parlamentaria cun debate no que quedaron manifestas as diferencias existentes entre os tres grupos con presenza na Cámara. Mentres o PPdeG defende que o texto contribuirá á recuperación económica da Comunidade, os grupos da oposición cualifican o proxecto de Lei de “trapallada” e de texto cheo de “ocurrencias”. De feito, socialistas e nacionalistas pediron a devolución da Lei para que poidan ser incluídos aspectos importantes que o PP engade a través de emendas, como é o caso da reestruturación da administración turística galega.

A voceira nacionalista en materia de Turismo, Carme Adán, sostén que a situación do sector en Galicia empeorou notablemente nos últimos anos e que o Plan de Acción do Turismo –base da Lei, segundo o PPdeG- “foi un fracaso” pois “non logrou cumprir os obxectivos cos que se presentou hai dous anos”. Adán incidiu en que “se a Xunta ou o PP queren racionalizar a estrutura da administración turística deben presentar un texto nesta Cámara que o inclúa”, e non unha emenda. A nacionalista cualificou o proxecto de Lei de “trapallada” e “revisionista do que había”. Engadiu, ademais, que o novo texto esquece o turismo sustentable e “a nosa lingua e a nosa cultura”.

Pola súa banda, a socialista María Quintas incidiu en que a traxectoria turística de Galicia “é desastrosa”, o que ilustrou cos últimos datos de ocupación hoteleira que sitúan a nosa Comunidade nos últimos postos das autonomías españolas. Quintas falou de “incoherencia e falta dunha aposta clara polo Turismo”, ao tempo que acusou aos populares de crear “un novo chiringuito”, en referencia á Axencia de Turismo de Galicia.

A deputada popular Natalia Barros rexeitou as críticas da oposición e sinalou que a nova lei contribuirá a “reposicionar o noso mercado estratexicamente, o que favorecerá a recuperación económica da nosa Comunidade”. Barros incidiu en que a nova normativa “permitirá unha maior liberdade de empresa, facilitando a libre prestación dos servizos e eliminando trabas”. Ademais, acusou ao Goberno bipartito de “non entender a importancia” do sector turístico para Galicia.

O conselleiro de Cultura e Turismo, pola súa banda, asegurou que a nova lei “logrará un destino máis atractivo, diferenciador e competitivo”, ao tempo que “permitirá deseñar estratexias baseadas na eficiencia e a optimización de recursos”. Roberto Varela (foto) incidiu en que a normativa é o resultado “dunha actuación conxunta e coordinada co sector privado” e que “dá cumprida resposta ás súas peticións e inquedanzas”.