O PP presenta unha emenda á Lei de Turismo para permitir á Xunta a creación dunha axencia de turismo

O Grupo Parlamentario Popular presentou unha emenda ao proxecto de Lei do Turismo de Galicia, a través da que se autorizaría ao Consello da Xunta para a creación da Axencia de Turismo de Galicia, “unha entidade dirixida a impulsar, coordinar e xestionar toda a política autonómica en materia de turismo”, di a deputada popular Natalia Barros (foto).

Dita Axencia tería como principal obxectivo, segundo os populares, “a promoción e ordenación do turismo dentro da comunidade galega, así como a conservación e promoción dos Camiños de Santiago”. Neste sentido, Natalia Barros apuntou que “esta reorganización dos entes implicados na administración turística galega permitirá un aforro que será reinvertido en promoción e desenvolvemento do noso sector turístico”.

En total, o Grupo Parlamentario Popular presentou 10 emendas ao proxecto de Lei de Turismo de Galicia, dirixidas especialmente “a respectar as competencias da Administración Xeral do Estado nesta materia, á non discriminación dos usuarios por razóns de nacionalidade ou residencia, á necesaria resposta ás reclamacións ou queixas presentadas polos parte dos usuarios, ás empresas de intermediación, á inclusión da talasoterapia e á promoción dos Camiños de Santiago”.