O CSHG inicia os programas internacionais

O Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) inicia este luns os seus programas internacionais grazas a unha nova titulación, o European Bachelor (Hons) in International Hospitality Management. Este grao europeo en dirección hoteleira internacional é un programa “único”, reflexo da industria hoteleira e as súas empresas, sinala a Xunta.

Grazas a un acordo coa L’École de Savignac (Francia) e a Universidade de Brighton (Gran Bretaña), o Centro Superior de Hostalería de Galicia impartirá nas súas instalacións o segundo ano desta titulación e acollerá a un grupo de 27 alumnos franceses, alemáns e suízos, que se sumarán aos estudantes portugueses, incrementando a porcentaxe de alumnos internacionais no campus do CSHG. Os estudantes finalizarán o curso o 27 de febreiro.

Finalizado este semestre, realizarán un período de prácticas de cinco meses en España en hoteis independentes e de compañías hoteleiras coas que o centro ten asinados convenios de colaboración.