Nova achega para a mellora do Camiño Norte

Cun investimento de 187.000 euros, a Consellería de Cultura e Turismo está a recuperar e mellorar o trazado de dous tramos do Camiño Norte no concello lucense de Lourenzá. As obras considéranse “urxentes”, debido ao “mal estado” da ruta nestes puntos, ambos os dous caracterizados por fortes pendentes, o que agrava os efectos da acción meteorolóxica continuada, especialmente das choivas, segundo destacou en Lourenzá a directora-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Camino Triguero. A titular desta empresa pública inspeccionou os traballos de recuperación na compaña do alcalde, Vidal Martínez-Sierra López.

As obras pretenden mellorar a funcionalidade do Camiño, ao ser lugar de paso continuado de peregrinos, pero preservando a súa singularidade mediante actuacións adaptadas ao entorno e que manteñen o seu carácter patrimonial.