Para ultimar estas melloras, reuníronse en Padrón o alcalde, Antonio Fernández Angueira, e a directora-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Camino Triguero. Tamén asistiu ao encontro José Antonio de la Riera, en representación da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS).
Nese sentido, lembrar que a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo vén de iniciar un plan de acción destinado a suprimir progresivamente os tramos máis conflitivos dos Camiños de Santiago en Galicia, sobre todo os coincidentes con estradas. Os primeiros esforzos céntranse no Camiño Portugués, o segundo máis transitado tras o Francés, e tamén un dos que concentra máis tramos difíciles, debido a que atravesa zonas cunha gran densidade de poboación e vías de comunicación.