Medio Rural limpa os fondos das Illas Atlánticas

O Parque das Illas Atlánticas, a Federación Galega de Actividades Acuáticas e un grupo de buceadores voluntarios desenvolveron conxuntamente unhas xornadas de inmersión no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia co obxectivo de eliminar dos fondos mariños antigas ancoraxes próximas ao porto de Rodas. A extracción destes aparellos dá resposta a dous obxectivos, xa que por unha banda a retirada destes residuos podería evitar algún accidente de navegación preto do Parque, ao mesmo tempo que se acada unha recuperación e posta en valor das proximidades das Illas Atlánticas e do seu importante patrimonio natural.

Durante as inmersións, os equipos de submarinistas traballaron arrancando do fondo do mar diferentes tipos de refugallos, entre os que cabe salientar aparellos de pesca ou cabos. Marcáronse, asemade, catorce puntos con boias para proceder á retirada de “mortos” de cemento durante este mes de setembro.