Máis de 120 establecementos participarán no quinto Outono Gastronómico en Turismo Rural

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, presentou a V edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural, unha promoción desenvolvida por Turgalicia e a rede de establecementos de Turismo Rural de Galicia que combina a gastronomía e a estancia nas casas rurais galegas a prezos moi competitivos. Segundo a secretaria xeral, esta iniciativa cumpre cun triplo obxectivo, “dunha parte pretende dinamizar a práctica turística no eido rural a través da implementación da oferta complementaria, doutra, favorecer a desestacionalización do Turismo interior en épocas de baixa demanda e, ademais, ensamblar produtos”.

Durante a presentación, a secretaria xeral para o Turismo aproveitou para facer balance das últimas edicións, sinalando que “este programa ven avaliado polas cifras de anos anteriores”. Así, referíndose ao ano 2010, sinalou que unha vez computados os ingresos resultantes para as casas de Turismo Rural participantes, “a cifra acadou os 490.000 euros, mellorando o resultado económico da campaña do ano 2009 nun 20% e, ademais, arredor dunhas 8.000 persoas puideron gozar da excelencias do Turismo Rural de Galicia e da súa sobranceira gastronomía”.

O Outono Gastronómico desenvolverase entre este xoves e o 18 de decembro e ofrecerá distintas posibilidades en canto aos menús e ás estancias.