Lavacolla estrea nova terminal

O aeroporto de Lavacolla estreará o vindeiro 13 de outubro a nova terminal, inaugurada esta fin de semana polo ministro de Fomento e o presidente da Xunta. O edificio significa un pulo ao principal aeroporto galego e ás comunicacións da nosa Comunidade. “Este aeropuerto es un ejemplo más de cómo las dificultades se hacen pequeñas si nuestras prioridades son grandes”, sinalou José Blanco. O ministro fixo fincapé en que “Santiago es un destino mundial” e que “fortalecer este aeropuerto es también imprimir dinamismo a una industria básica para nuestro país como es el turismo”.

Pola súa banda, o presidente da Xunta incidiu en que o apoio a Lavacolla debe enmarcarse nunha política aeroportuaria baseada na cooperación das administracións. Así, Alberto Núñez Feijóo reiterou que “os aeroportos galegos teñen obxectivos comúns que precisan de solucións comúns”. De paso, o presidente da Xunta pediu que se estenda a fórmula que fixo posible a nova terminal de Lavacolla ao resto das infraestruturas pendentes en Galicia.

Sen embargo, en Santiago demandan máis atención para o seu aeroporto. Así, Hostelería Compostela insta a Fomento a “repensar a inversión de 220 millóns de euros” na ampliación de Peinador e Alvedro pois ambas terminais “son deficitarias” e teñen “claras limitacións para o seu desenvolvemento”. Os hostaleiros consideran que esta contía “xeraría máis retorno para todo o país” se se adicase a Lavacolla. Para Hostelería Compostela, os aeroportos de Vigo e A Coruña deberían concentrarse en conexións de negocios máis que turísticas, deixando estas para “a cidade con maior grao de especialización turística da Comunidade”.