Galicia, corazón do termalismo nacional

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presidiu hoxe o acto de inauguración oda Feira Internacional de Turismo Termal Termatalia 2011, que se celebrará en Expourense ata o vindeiro 25 de setembro. O conselleiro asegurou que Galicia é hoxe –pola cantidade, calidade e competitividade da súa oferta– “o corazón do termalismo nacional e un dos focos de referencia a nivel europeo”.

O eixo principal da Termatalia será un ano máis o Centro de Negocios Internacional que acollerá as distintas reunións profesionais entre touroperadores, importadores de benes de equipo, provedores e expositores e que contará co patrocinio do Instituto Galego de Promoción Económica, IGAPE. Aquí porase en marcha a Bolsa de Contratación Turística que contará con 25 touroperadores e maioristas de viaxes nacionais, algúns dos principais do mercado, e na que tamén participarán establecementos con centros termais, de talasoterapia ou spa de Europa e América.

Neste foro internacional preséntanse as novidades en produtos, servizos e equipamentos da industria termal, as últimas investigacións médicas, tratamentos pioneiros relacionados coa hidroterapia ou as estratexias de distintos países para desenvolver o seu potencial termal. Moitas das novidades que ofrecerá a feira están recollidas no VI Encontro Internacional sobre Auga e Termalismo que se consolida como o único foro a nivel mundial que pon en común experiencias e proxectos innovadores. Contará coa participación de 50 expertos procedentes de 13 países.