A Consellería do Mar defende o plan de reinstalación de marisco de zonas C

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asegurou no Parlamento que o sistema de reinstalación en batea do molusco procedente de zonas C permitirá poñer no mercado máis de 450 toneladas de marisco de calidade e con garantía hixiénico-sanitaria. Ademais lembrou que esta fórmula beneficiará aos mariscadores das 15 confrarías galegas que traballan en zona catalogada como C e xerará arredor de 6 millóns de euros nas lonxas e mariscadores galegos.

A conselleira asegurou que a nova fórmula non provocará efectos perniciosos na contorna mariña. Ademais non suporá custe ningún, nin para as confrarías nin para os mariscadores “porque a Consellería se ocupará de recoller o marisco das zonas C nas lonxas, de levalo á zona de reinstalación e de devolvelo apto para o consumo”. Pese a todo, o deparamento que dirixe Rosa Quintana aínda non ten decidido en que punto da costa galega ubicará a batea de reinstalación.