A agricultura ecolóxica medrou un 25% en Galicia no último ano

No último exercicio, a produción procedente da agricultura ecolóxica certificada facturou na nosa Comunidade 17,1 millóns de euros, co que o volume de produto certificado medrou ao redor dun 25%. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, durante a súa intervención dentro do “I Congreso de Consumo Saudable de Produtos Ecolóxicos”, organizado polo C.R.A.E.G.A. (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia), e que se celebra en Santiago.

Na última década, o valor da produción da agricultura ecolóxica certificada en Galicia aumentou por riba do catro mil por cento (un 4.229%). O crecemento foi sostido, tanto no que atinxe a superficie cualificada como a produtores e elaboradores. Os datos de finais de marzo de 2011 indican que a superficie inscrita na Comunidade galega é de 14.434 hectáreas, o que supón un incremento do 1,4% respecto dos datos do peche de 2009. No referente aos operadores, o número total dos mesmos pasou de 547 en 2009 a 573 en 2010.

Por tipo de cultivo, a maior parte da superficie inscrita en 2010 (un 90,4%) corresponde a pastos, praderías e forraxes, mentres que un 9,5% son cultivos permanentes e terras arables. Por provincias é Ourense, seguida de Lugo, a que acada unha maior superficie inscrita, con 6.664 e 5.714 hectáreas, respectivamente. Entre as dúas suman o 87% do total.