Rumores de cambio

Cobra forza estes días o rumor dunha crise parcial no goberno de Núñez Feijóo, que afectará, dise que de xeito seguro, á Consellería de Cultura e Turismo: o cese do conselleiro Roberto Varela. Incluso "sonan" insistentemente nomes, dous sobre todo, por certo cun perfil coincidente, se non na orixe ideolóxica, si na condición de homes de letras, no libro e na colaboración xornalística habitual. Pero non é cousa de adiantarse aos acontecementos.
Sexa cal sexa o alcance da remodelación e de a quen lle toque levar formalmente os destinos do Turismo galego, a incógnita engadida está en saber se tal responsabilidade será asumida só organicamente como pasou nesta primeira etapa, ou se o novo conselleiro asumirá unha dirección real da administración turística, a que xestiona uns subsectores que representan o 10 por cento do Produto Interior Bruto galego.
Roberto Varela non o fixo. Procedía da xestión cultural cando accedeu, non sen sorpresa, á Consellería, e á Cultura adicou todos os seus innegables coñecementos e esforzos, con resultado notable. A vertente puramente turística -reservando o Xacobeo, tan específico e plurivectorial no que o patrimonio cultural ten un peso especialmente atractivo- deixouna nas mans da Secretaría Xeral. Deixou facer, máis ca facer directamente.
Pero o turismo, como sector económico e cosmos social, ben merece e necesita políticas de alcance, máis alá da xestión puntual. Tívoo moi claro Manuel Fraga nos seus sucesivos gobernos, nos que se ben se resistiu a darlle o rango de consellería, tamén o é que reservaba a competencia dentro das dependentes directamente da súa presidencia. A excepción estivo na etapa Pérez Varela como conselleiro con Aurelio Miras como director xeral. Tal autonomía da administración turística, visualizada ademais no feito de que ocupe unha ubicación específica, singular e permanente fóra das consellerías polas que foi rotando, outórgalle un xeito de "taifa" independente, unha representación de segundo nivel pero de peso, reforzado polas empresas mixtas dependentes e con fortes recursos promocionais.
Agora, despois da anunciada concentración de todo este conglomerado nunha soa cúpula, Turismo de Galicia, cómpre saber se o cambio de conselleiro vai ser un simple relevo, e se o herdeiro de Roberto Varela será, na práctica, só de Cultura ou ademais tamén exercerá a política turística, que ben o necesita este sector.
Cómpre saber, sobre todo, se esta dobre coxuntura, a do refundimento de todo o organigrama en Turismo de Galicia e a do cambio na dirección da consellería, son resultado dunha consecuencia entre ambos dous. Ou outra cousa.
Porque Turismo de Galicia, coa complexidade descomunal que ten organizalo xuridicamente e desenvolvelo politicamente, e co que representa socioeconomicamente, correspóndese co rango de consellería. E cun responsable de rango, tamén.