Galicia segue á cabeza en bandeiras azuis

Galicia segue a ser a Comunidade Autónoma española con maior número de bandeiras azuis en 2011, se ben hai algúns areais que perderon o distintivo. En total, Galicia acadou 130 distincións (117 para praias e 13 para portos deportivos), encabezando un ano máis o ranking español, seguida nesta ocasión pola Comunidade Valenciana (116 bandeiras), Cataluña (108) e Baleares (85).

Na nosa Comunidade, a incorporación de tres novos portos ao listado (nos municipios coruñeses de Ribeira e Sada e no pontevedrés de Portonovo) compensa a lixeira perda de 5 distintivos, contabilizando o balance global entre “altas” e “baixas” e tralo forte incremento de 8 praias no 2010. Cómpre sinalar que no 2010 o número total de praias distinguidas foi de 122, sendo este ano 117 en total os areais recoñecidos.

España (con 603 bandeiras azuis) mantense tamén en cabeza entre os 36 países participantes neste programa, que promove a fundación internacional para a educación ambiental (FEE, das súas siglas en inglés: Foundation for Enviromental Education).

Como novidade este ano, o programa “Bandeira Azul”, puxo en marcha o proxecto piloto de “Sendeiros Azuis”, que enlazan praias con este distintivo de calidade. En Galicia foron seleccionados dous, nos concellos de Foz (Lugo) e Baiona (Pontevedra). Ademais, a nosa Comunidade incorporou este ano catro novos Centros “Bandeira Azul” (nos concellos pontevedreses de Sanxenxo, A Illa e Vilagarcía de Arousa e no coruñés de Muros), co que Galicia acada a cifra de 11 centros. Trátase de aulas de natureza, centros de interpretación e de educación ambiental, que permiten poñer en valor a riqueza ambiental dos espazos nos que se sitúan.

Tamén, no apartado de “Distincións Temáticas”, foron galardoados o municipio coruñés de Oleiros (no ámbito do salvamento, socorrismo e primeiros auxilios) e o pontevedrés de Vigo (no apartado de información e educación ambiental).