O BNG cre que o Xacobeo non foi para tanto

O grupo parlamentar do BNG rebaixou o nivel de euforia amosado pola Xunta no que se refire aos efectos do Xacobeo. Se ben en 2010 se superou a barreira dos nove millóns de visitantes, a deputada Carme Adán considera que non se rexistrou ese “efecto positivo” sobre a economía galega que tanto pregoa o Goberno.

Os nacionalistas falan de “moita propaganda” pero botan en falta unha proxección internacional dos creadores e creadoras galegos. O BNG tamén denuncia o “modesto” comportamento do turismo e un inapreciable retorno da visita realizada por Benedito XVI. “O Goberno ten que avaliar seriamente o impacto económico do Xacobeo 2010 e abandoar o trunfalismo”, sentenciou Carme Adán.