Máis de 65.000 persoas xa saborearon Galicia en Madrid

Dende a súa apertura, o pasado venres, “Saborea Galicia” xa conseguiu atraer ao mercado de San Miguel a máis de 65.000 persoas. As previsións de vendas foron superadas, segundo a Xunta, dado ese elevado número e boa parte dos produtos tiveron que ser repostos antes do previsto.

Turgalicia instalou 12 postos de venda dos alimentos e bebidas estrelas da nosa comunidade e cada día está dedicado a unha materia prima diferente. Ademais, hai diferentes puntos informativos sobre a cociña galega e Galicia como destino turístico e gastronómico. Tamén se desenvolven xornadas específicas para mercar e degustar os distintos produtos da gastronomía galega. Durante a fin de semana celebráronse xornadas dedicadas aos cogomelos, as castañas e as fabas, que foron protagonistas da cociña do mercado. Outros produtos que se promocionarán serán as conservas, os mariscos, as carnes galegas ou os queixos.