15.000 alevíns de salmón para o Lérez

O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán e o alcalde de Campo Lameiro, Julio Sayáns, asistiu esta mañá á solta de 15.000 pintos de outono (alevíns de salmón) no río Lérez. A solta foi realizada por axentes de Conservación da Natureza no refuxio de Cutián, no concello pontevedrés de Campo Lameiro.

Neste acto, o titular de Medio Rural salientou a importancia dos traballos de repoboación nos diferentes cursos fluviais de Galicia e, de maneira particular, os que se veñen desenvolvendo para a recuperación do salmón atlántico no Lérez, tendo en conta a especial sensibilidade desta especie no límite do seu hábitat norte.

Juárez referiuse tamén ao furtivismo como inimigo e ameaza para esta e outras especies. Lembrou que no Lérez produciuse, precisamente este ano, un caso que tivo bastante repercusión e destacou o éxito do Seprona e dos axentes de Conservación da Natureza na loita contra este mal.

O conselleiro indicou, ademais, a necesidade de reforzar as repoboacións de salmón autóctono nados nas nosas piscifactorías, neste caso no Centro Ictioxénico de Carballedo.

Repoboación
Os traballos de repoboación de salmón no Lérez comezaron nos anos 90 do pasado século, realizándose melloras na accesibilidade, labores de redución da mortalidade e repoboacións propiamente ditas. Entre 1997 e 2009 soltáronse un total de 850.000 xuvenís de salmón neste río. Todos marcados, para facer unha valoración do proceso e calcular a taxa de recaptura.

Transladáronse desde a estación de Bora á piscifactoría de Carballedo 160 adultos de salmón (95 femias e 65 machos), recapturándose ata o de agora algo máis de 300 exemplares. A taxa de recaptura varía entre 1 e 2 adultos recapturados por cada 1.000 xuvenís soltados.