Saen á venda as entradas para asistir ao festival Xacobeo 10

Xa se poden adquirir as entradas para asistir ao Festival Xacobeo 10, que terá lugar no Monte do Gozo de Santiago de Compostela o vindeiro 27 de agosto. As localidades están á venda nas webs de Caixanova, El Corte Inglés e nas próximas horas a través de Caixa Galicia a un prezo de 30 euros en venda anticipada (máis gastos de distribución). O mesmo día do certame as localidades custarán 40 euros.

Xacobeo 10 ten como cabeza de cartel ao grupo Muse, que chega a Galicia despois de seren protagonistas dalgúns dos mellores festivais do mundo. Muse ten lexións de fans por todo o mundo, a súa música chega a todos os recunchos do planeta, o seu directo deixa sorprendido a quen o presenza, pola intensidade, unha posta en escena futurista de inmellorable son e elementos visuais, pero, sobre todo, polas grandes cancións que crearon e que os levaron ao cumio da pirámide do rock. Agárdase que sexa unha das actuacións estelares do Xacobeo 2010.