Preséntase o Observatorio do Turismo de Galicia

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, presentou en Santiago de Compostela o Observatorio do Turismo de Galicia, nun acto no que estivo acompañada polo director do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia, José Paz Gestoso. O observatorio, explicou Pardo, “constitúe unha plataforma de referencia na obtención e elaboración do coñecemento turístico na nosa comunidade”.

O Observatorio, que agrupa información xerada a nivel interno, ao tempo que engloba tamén outras fontes de carácter secundario, cubre todas as parcelas de información turística, tanto dende o punto de vista da oferta como da demanda. Así, “non só ofrece datos estatísticos, senón unha análise dos mesmos, xerando un valor engadido ao sistema turístico”, agregou a secretaria.

En canto á estrutura, o Observatorio, que recompila datos estatísticos dende o ano 1999, contempla diferentes áreas ou liñas de acción entre as que destaca unha análise da conxuntura turística de Galicia; un estudo da demanda turística en destino; unha análise do excursionismo procedente de Asturias, León, Zamora e Norte de Portugal, etc.